Tuesday 30 de April de 2024

Seis centros escolares e outros tantos profesores álzanse cos premios Innovogal, de compromiso coa innovación educativa


― Na modalidade de centros, os galardoados son os colexios Plurilingüe de Torre-Cela (Bueu), Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso)e Valle-Inclán de Vigo, e os institutos de Valadares (Vigo), Plurilingüe A Cachada (Boiro) e o Manuel Murguía (Arteixo)

― O obxectivo destes premios, que van pola súa segunda edición, é poñer en valor o labor de docentes e colexios que desenvolvan enfoques didácticos ou organizativos para dar resposta ás necesidades do alumnado

― Os proxectos galardoados serven para difundir as boas prácticas entre o conxunto da comunidade educativa

A Xunta de Galicia vén de recoñecer seis centros educativos e outros seis profesores coa segunda edición dos premios Innovagal, que foron instaurados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para recoñecer o compromiso dos colexios, institutos e docentes coa innovación educativa, a través da implantación, nas súas aulas, de iniciativas didácticas ou organizativas para dar resposta ás necesidades do seu alumnado.

Estes galardóns supoñen, ademais, o recoñecemento e difusión de boas prácticas que serven para achegar novos referentes a toda a comunidade educativa.

No caso dos centros escolares, na categoría de escolas de Educación Infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de Educación Especial (CEE), colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e colexios de Educación Primaria (CEP), o Colexio Plurilingüe de Torre-Cela (Bueu) acadou o primeiro premio, mentres que o segundo galardón foi para o Colexio Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) e o terceiro para o Colexio Valle-Inclán de Vigo.

Na categoría de centros públicos integrados e Institutos de Educación Secundaria, resultaron premiados o Instituto IES de Valadares (Vigo) co primeiro premio, o Instituto Plurilingüe A Cachada (Boiro) co segundo e o Instituto Manuel Murguía (Arteixo) co terceiro premio.

Ademais da dotación económica do premio (10.000€ para o primeiro, 6.000€ para o segundo e 3.000€ para o terceiro), nesta modalidade, os galardoados recibirán o distintivo de Centro educativo Innovagal, que se exporá nun lugar visible no centro e figurará na súa páxina web e na documentación impresa. Esta certificación ten unha vixencia de catro cursos escolares.

CEIP Plurilingüe da Torre-Cela (Bueu)
Foi elixido para o primeiro premio cunha proposta centrada no cambio global do centro, a través da mellora diferencial dos espazos para integrar a todo o alumnado no seu tempo libre, da creación dun plan de convivencia co programa Titorización entre iguais (para mediar na resolución pacífica de conflitos e incentivar as relacións entre alumnado de diferentes niveis) e do cambio metodolóxico, incluíndo dende a actividade física e a educación emocional ata a realización de traballo por proxectos en diversas áreas.

CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso)
Foi merecedor do segundo premio na modalidade de colexios, polos cambios innovadores que presenta baseados na organización de equipos de traballo particulares, do deseño do plan de centro con temáticas comúns, na aprendizaxe por competencias e da integración das familias de maneira activa no traballo educativo. Este proceso de cambio está avalado por accións como son a escola de familias, a recaudación de fondos solidarios ou exposicións pictóricas.

CEIP Valle-Inclán (Vigo)
Alzouse co terceiro premio por unha concepción do centro como unha microsociedade transformadora, cun proxecto anual de centro baseado na participación activa do alumnado e na súa repercusión positiva na contorna próxima, cunha proxección a nivel global (coa colaboración dunha ONG de proxección internacional) e que favoreza a participación das familias e do barrio. A partir del, aprenden educación emocional, mellora a convivencia e o alumnado desenvolve as súas competencias.

IES Valadares (Vigo):
Os piares innovadores deste centro, que o fixeron merecedor do primeiro premio da súa categoría son a integración paulatina de materias (MateLengua), a creación de proxectos educativos (co uso das TIC e fomentando a igualdade), a integración das profesoras de apoio coa súa involucración en todas as materias, metodoloxías que atenden a todo o alumnado con NEAE e participación en diferentes clubs e plans que melloran a convivencia son os piares innovadores deste centro.

IES Plurilingüe A Cachada (Boiro)
Acada o segundo premio cun proxecto interdisciplinar propio, o STARgal, un evento cultural STEAM no que, con motivo das Letras Galegas, fan unha mostra anual de produtos audiovisuais e dixitais, combinada cunha competición de robots e videoxogos educativos. Este evento permite implementar a gamificación, as TIC e o traballo das competencias lingüística e cultural en galego nas aulas. Así mesmo, trabállase a aprendizaxe colaborativa e por proxectos e se favorece a integración das familias e do concello no contexto educativo
IES Manuel Murguía (Arteixo)
O traballo colaborativo interdepartamental é o fío conductor do proxecto plantexado polo centro co que obtivo o terceiro premio. Así, coa participación de toda a comunidade educativa (na que se inclúen as familias), realizaron o proxecto cinematográfico musical denominado VIVE, cuxa recaudación final foi destinada ao Banco de Alimentos da Coruña. Deste xeito, a aprendizaxe activa e cooperativa e o desenvolvemento competencial non só facilitan a realización do proxecto, senón que afectan positivamente ao clima de convivencia do centro; mellorando, así, a contorna social na que está inmerso.

Modalidade docente
Na modalidade docente, outorgáronse seis dos oito premios convocados (dous quedaron desertos), cunha dotación económica de 3.000€ cada un e unha certificación de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 50 horas de formación permanente do profesorado.

Así pois, na categoría de centros de Infantil e Primaria outorgáronse dous dos catro premios convocados. Na submodalidade 1 (Deseño curricular e organización escolar) o premio foi para Lorena Estévez Álvarez (do colexio plurilingüe Sobreira-Valadares, en Vigo), cun traball de deseño curricular e organización escolar que aposta por cambios globais na docencia, salientando novas metodoloxías (aprendizaxe cooperativa, filosofía emocional, traballo colaborativo, realización de proxectos), así como cambios na disposición do espazo (distribuído por ambientes) e tamén na programación de aula.

Na submodalidade 3 (Ámbito científico-tecnolóxico e matemático) foi para Rubén Molinero Malvido (do colexio Balaídos de Vigo), cun proxecto que abrangue o emprego das TIC na etapa de Educación Infantil, implementando a metodoloxía STEM de maneira adaptada para tratar diferentes ámbitos educativos (dende as matemáticas ata as artes). Traballou deste xeito en diferentes actividades, colaborando coas familias e o equipo docente. Algúns deses proxectos versan sobre os inventos (empregando a realidade aumentada), a reciclaxe (usando a técnica stop motion) ou a narrativa dixital (a través da robótica).

Na categoría de Ensino Secundario, Bacharelato e FP, o premio da submodalidade 1 (Deseño curricular e organización escolar) foi para María del Carmen Boado Aguinaga (instituto de Valadares, en Vigo), no apartado de deseño curricular e organización escolar. Esta profesora exerceu de coordinadora e promotora dun cambio profundo no centro, impulsando unha aprendizaxe innovadora na que o alumnado é o protagonista a través de metodoloxías activas e colaborativas, prestando especial atención a diversidade.

Sergio Clavero Ibáñez de Garayo (profesor da especialidade de Debuxo no instituto de Cacheiras, en Teo) alzouse co premio na submodalidade 2 (Ámbito lingüístico e social), cunha proposta na que emprega a arte coma un motor de desenvolvemento do pensamento crítico. Destaca a súa pedagoxía conectando as artes plásticas (concretamente, o cine) coa realidade contemporánea. A través do seus proxectos, o alumnado reflexiona e coñece unha linguaxe visual que condiciona a súa vida dende a infancia.

Esther Padín Vidal (da especialidade de Matemáticas do instituto A Xunqueira II, en Pontevedra) recibe o premio da submodalide 3 (Ámbito científico-matemático), centrado en achegar as matemáticas e as TICs á realidade a través de proxectos STEM, da cultura maker e dos clubs de ciencias, desenvolvéndoos de maneira interdisciplinar e colaborativa.

O premio na submodalidade 4 (Escolas saudables e abertas á contorna) foi para Mario Outeiro Iglesias, da especialidade de Física e química do instituto Pedregal de Irimia, en Meira. A súa proposta está centrada en que o alumnado coñeza en profundidade a súa contorna, para así valorar o seu potencial económico. A través da materia de libre configuración Aproveitamento dos Recursos do Medio Natural, traballa de maneira interdisciplinar as distintas materias e competencias, achegando os coñecementos de xeracións anteriores aos máis novos.